O Concello de Neda avanzaba esta mañá o cartel da Noite de Bolos, o festival que celebrará o sábado 2 de setembro, na víspera da XXXIII Festa do Pan, declarada de Interese Turístico de Galicia.
No paseo marítimo de Xuvia, e a partir das 21:30 horas, Noite de Bolos volverá a apostar forte pola diversidade de estilos, cunha programación que arrancará coa rock band local Virgina Red, que en apenas 3 anos de vida ten sacado varios singles e tocado nalgúns dos festivais e salas máis importantes da provincia. Tomará o relevo sobre o escenario TanDub e o seu singular son froito da fusión da música tradicional do norte de Marrocos con outros xéneros como o reggae, drum&bass ou dub. E, pechando o festival, Lamatumbá, no seu regreso aos escenarios tras un parón de 12 anos. Unha das bandas máis recoñecidas dos últimos tempos, referente da mistura de estilos e xéneros cos ritmos tradicionais galegos.
De seguido, achegamos unha breve reseña de cada un dos grupos que tomarán parte na próxima Noite de Bolos:
VIRGINIA RED
É unha banda galega formada en Neda no ano 2020 por catro amigos da comarca: Hugo Espiñeira (batería), Anxo Cabada (guitarra), Ángel Martínez (baixo) e Diego Rodríguez (cantante e guitarra). Un ano despois, sacan o seu primeiro EP, titulado Wishing On, e ao ano seguinte, únese un novo integrante aos teclados, Martín Grela, completando así a formación do grupo. Habituais dos escenarios da provincia, teñen participado en festivais como o Nachiño Fest, A Revolta do Umia ou o Fene Rock.
TANDUB
É un proxecto que fusiona a música tradicional Gnawa (Norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, drum&bass ou dub, mesturando instrumentos clásicos dunha banda, coa electrónica e instrumentos tradicionas marroquinos como o hajhouj ou as cárcabas. Unha fusión que lles confire un son único e diferente. O grupo está integrado por Abdeljabbar El Gourd (voz, hajhouj e krakebs), Antón Piñeiro (voz e ilustracións en directo), Carlos “Puntxa” González (electrónica, percusións e coros), Toño Iglesias (baixo e coros), Román Puga (guitarra e coros) e “Kinhos” Saburido (batería e percusións).
LAMATUMBÁ
A banda ourensá, formada no ano 1998, foi na primeira década dos 2000, ata o seu parón no ano 2012, un dos principais expoñentes da música galega, un trebón de ritmo, baile e festa que encheu os torreiros de toda Galicia e parte do extranxeiro a ritmo de cumbia, reggae, ska, rock, folk e ritmos tradicionais galegos.
Nas súas cancións pálpase a ledicia e as ganas de troula, propias das verbenas máis enxebres do país. As súas letras van acompañadas, na maioría das ocasións, de crítica social ou dun enaltecemento da tradición galega, como se pode comprobar no xa himno popular “Licor café”.