A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol porá en marcha, co apoio da Xunta de Galicia, unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian con 220.000 euros esta iniciativa, dirixida mulleres en situación de desemprego, inscritas na Oficina de Emprego, e empadroadas en Neda, Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Cabanas, Ares ou Mugardos.
O Programa Integrado de Emprego terá unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal será achegar ferramentas ás participantes para mellorar a súa empregabilidade e lograr a inserción laboral (o obxectivo mínimo deste ano é o 35% das mulleres participantes).
Con este fin, conxugaranse accións individuais, da man do persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, información, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas, tanto específicas para o emprego como transversais.
A formación específica incluirá itinerarios de limpeza industrial, peixaría, comercio, cociña, agricultura ecolóxica e community management. A formación transversal estará composta por accións sobre competencias dixitais, técnicas de busca de emprego, idiomas, entre outras.
O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral, establecendo contacto coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado e as posibles ofertas de emprego para facilitar a información e inserción laboral das usuarias.
O programa contará, ademais, con medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, para facilitar a participación de todas aquelas usuarias que teñan persoas maiores ou menores a cargo. Así mesmo, as participantes terán dereito a percibir unha bolsa de 10€ por día de asistencia ás accións do programa.
Todas aquelas mulleres interesadas e debidamente inscritas como demandantes de emprego poden ampliar información contactando co equipo técnico do programa nos seguintes números de teléfono 613 10 85 35 / 613 10 85 30 ou ben no enderezo de correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es.