Un total de 26 pequenas empresas e persoas traballadoras do municipio presentaron a súa solicitude á nova liña de subvencións aberta polo Concello de Neda para tentar minimizar o impacto da covid-19 na economía local. O prazo para optar ás axudas concluía a semana pasada, e agora os servizos económicos municipais comprobarán o cumprimento dos requisitos de cada solicitude previo ao abono dos 1.000 euros nos que estaba cuantificado o importe máximo da achega por beneficiario.
No seu conxunto, o Concello reservaba unha partida de 70.000 euros e anunciaba coa convocatoria a posibilidade de ampliala de constatar demanda. Con estas subvencións, as persoas beneficiarias poderán financiar gastos estruturais e de funcionamento correntes, podendo dirixirse aos gastos de aluguer de local ou vehículos da empresa, gastos hipotecarios do local ou sede social da empresa, dixitalización do negocio, nóminas de traballadores, cotas á seguridade social dos traballadores ou empresario autónomo, mercadotecnia e publicidade, actuacións de mantemento do local, subministracións de materias primas, servizos profesionais independentes, primas de seguros e subministracións (auga, electricidade e gas)… Iso si, deberán terse realizado e abonado entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.
Así mesmo, as axudas ían dirixidas a persoas traballadoras autónomas con ou sen traballadores/as ao seu cargo, microempresas, pequenas empresas, comunidades de bens, sociedades civís ou entidades económicas empresariais sen personalidade xurídica con domicilio en Neda e cuxa facturación se vira reducida, polo menos, nun 25% no exercicio 2020 con relación o exercicio 2019. Entre outros sectores de actividade, taxistas, hostalería, hospedaxes e pensións, traballadores/as do sector da verbena (feirantes, piroctenias…), perruquerías, comercios…
Coa liña de subvencións tratábase de completar as axudas xa outorgadas con anterioridade polo concello no ano 2020, como foron as axudas para o impulso da actividade económica no termo municipal de Neda, para paliar os efectos do covid-19, financiada con cargo ás axudas do PEL REACTIVA de concellos adheridos ao fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia de A Coruña financiadas nun 20% con fondos propios.