Últimos días para solicitar as axudas escolares do Concello de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello lembra que o próximo luns, 29 de agosto, remata o prazo para solicitar as axudas escolares municipais nas súas dúas modalidades. Con estas subvencións trátase de apoiar ás familias nedenses con menor poder adquisitivo para que poidan facer fronte aos gastos de material derivados da escolarización e tamén aos de transporte.

As bolsas de material cubrirán libros de texto e material complementario (papelería, mochilas, estoxos…) sempre que os solicitantes non se beneficien doutras axudas públicas para estes mesmos conceptos. Van dirixidas a alumnado nedense matriculado en centros educativos sostidos con fondos públicos, dende educación Infantil (regrada e non regrada), primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional.

Mentres, as axudas de transporte poderá solicitalas alumnado de Neda matriculado en centros universitarios, en ciclos formativos de formación profesional, bacharel, ou outros cursos de formación ocupacional que habiliten para desempéño dunha profesión ou oficio.

Para acceder ás bolsas é requisito estar empadroado en Neda cunha antelación mínima de seis meses e que a renda per cápita mensual do núcleo familiar non supere a cantidade de 400 euros (no caso da axuda para material no ano anterior ao da convocatoria). Os trámites de solicitude e presentación de documentación deben realizarse no rexistro xeral da casa consistorial, en horario de 9 a 14 horas.

Bases da convocatoria de axudas para a adquisición de libros e material didáctico

Bases da convocatoria de axudas ao transporte curso 2022-2023

Share.

Comments are closed.