O Concello de Neda prevé incorporar proximamente a tres persoas traballadoras con cargo ao plan de fomento do emprego no medio rural Aprol Rural 2025. Serán profesionais, en situación de desemprego, que realizarán nos próximos meses traballos de roza e máis labores de prevención de lumes.
Co apoio económico da Consellería de Promoción do Emprego, Comercio e Emigración que outorgou unha axuda de 49.806 euros, a administración local levará a cabo nos vindeiros días o proceso selectivo para incorporar a tres peóns/peoas, con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral.
O proxecto subvencionado, denominado “Medidas para de prevención de incendios forestais e recuperación de itinerarios de interese natural” incluirá, entre outras tarefas, labores de roza en vías e espazos públicos, accións preventivas nas faixas secundarias e outras destinadas á posta a punto de itinerarios naturais.
Durante nove meses as tres persoas contratadas a tempo completo acumularán experiencia e práctica que facilitará a súa posterior inserción no mercado de traballo.