A Casa das Palmeiras acolle este xoves, 22 de maio, a partir das 20 horas, a presentación en primicia do libro El tranvía de Ferrol a Neda. Primeira parte (1890-1939). Un traballo de Tomás Casal Pita, que vén de chegar ás librarías de Ferrolterra, e que descubre a historia orixinal deste medio de transporte que apenas funcionou corenta anos na comarca.
Trátase dunha obra de divulgación histórica, baseada en testemuñas e, o fundamental, nun minucioso estudo da documentación existente en arquivos públicos, que reconstrúe os prolegómenos da chegada do tranvía e os seus primeiros anos (ata finalizar a Guerra Civil).
Adianta o autor que o traballo, editado por Toxosoutos, desmonta, ao longo das súas 400 páxinas, imprecisións estendidas, abunda ademais en curiosidades, e presenta “a historia real” do que foi o primeiro proxecto de tranvía eléctrico presentado en Galicia, aínda que despois tardaría case un cuarto de século en materializarse.
O escritor Tomas Casal Pita, graduado social, extraballador do naval, experto no campo das plantas- o seu anterior libro máis recente Árboles con historia: 101 historias de árboles– afonda agora na historia local, a súa outra paixón.
El tranvía de Ferrol a Neda. Primeira parte (1890-1939), que saía á venda hai cousa dun mes, inclúe abundante material gráfico (imaxes e tamén ilustracións de Julio Ferrín) e un destacado anexo documental. Algo que poderán comprobar as persoas que asistan á presentación, na que terán a oportunidade de mercar un exemplar dedicado polo autor.