A programación cultural do Concello de Neda para este mes de decembro inclúe a función de Teatro do Andamio “A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz”. Celebrarase este domingo 18 de decembro a partir das 18:30 horas na casa da cultura, dirixida a nenos e nenas a partir dos 3 anos. Trátase dun espectáculo de actores e obxectos que conta a verdadeira historia dos porquiños e da súa irmá, unha porquiña moderna, intelixente e loitadora. Unha visión actual que defende dous principios fundamentais: a igualdade e a solidariedade.
As entradas, ao prezo de 1 euro para o público infantil e de 2 para persoas adultas, xa están á venda na Biblioteca, de 9 a 13 e de 16 a 20 horas -ata venres ou o mesmo domingo dende as 17 horas, ou ata completar aforo-. Reservas, no correo cultura@neda.gal