O Concello de Neda retomará a partir do 16 de setembro o seu programa de actividades de estimulación cognitiva, dirixido á poboación maior do municipio. A oferta municipal para a que está aberta xa a inscrición, incluirá, un ano máis, os talleres de memoria e mentes activas, propostas que buscan ademais favorecer a interrelación social do colectivo.
Maiores de 65 anos son os destinatarios fundamentais das dúas iniciativas, incluídas no programa “Nedactívate”, e concibidas para manter activos aos participantes a nivel cognitivo, estimulando as súas capacidades mentais e fomentando, ao tempo, as relacións sociais para evitar situacións de soidade e illamento.
Os talleres de memoria celebraranse todos os luns na casa da cultura, establecéndose dous grupos (o primeiro, de 9:30 a 11:00 horas, e o segundo de 11:00 a 12:30 h). Pola súa banda, o obradoiro mentes activas desenvolverase os mércores na casilla do Puntal, entre as 16:00 e as 17:30 h.
Para participar nas actividades cómpre anotarse, de forma presencial no centro cívico de Neda, de luns a venres, de 9:15 a 11:30 h.