Sábado, Febreiro 14

Neda aproba incorporar ao actual orzamento as liñas municipais de subvención en concorrencia

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda convocará durante o próximo trimestre as axudas para apoiar ás familias con fillos e fillas en idade escolar e para facilitar o labor das asociacións. Farao despois de que onte o Pleno do Concello aprobara por unanimidade incluír no orzamento en vigor, prorrogado do 2024, o conxunto das liñas de subvención en concorrencia competitiva.

A sesión ordinaria do pleno, desenvolvida na Casa Consistorial, deu luz verde inicial a este trámite preciso para que saian adiante tanto as axudas educativas municipais, orientadas a paliar na economía das familias nedenses con recursos máis axustados o impacto do arranque do curso académico (material escolar e transporte) como as destinadas a apoiar ao movemento asociativo (entidades culturais, deportivas, ANPAS) así como as festas populares.

A decisión adoptada supón a prórroga das contías e das bases contempladas no exercicio anterior. Goberno e oposición coincidiron na necesidade de reforzar as subvención de cara ao orzamento do vindeiro ano.

No pleno, no que tomou posesión como nova concelleira de Moveneda, Neiva Tristao Oliani, en substitución do dimisionario Carlos Caaveiro, debateuse ademais unha moción popular, que non prosperou, sobre os recentes problemas de subministro de auga. O rexedor repasou as propostas técnicas de solución que se pretenden adoptar e, segundo apuntara na reunión celebrada coa veciñanza afectada, subliñou que a decisión ao respecto de posibles compensacións -punto central da proposta- dependerá do ditame de viabilidade que aporten os servizos xurídicos municipais.

 

Share.

Comments are closed.