Mércores, Abril 23

En marcha os traballos de substitución das varandas de protección nas beirarrúas do Portazgo e do Poulo

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Por fin arrincaron as obras de substitución das varandas de protección peonil nas marxes exteriores das beirarrúas da AC-862, entre o Portazgo e o Poulo. A intervención, comprometida polo Concello de Neda, e moi demandada pola veciñanza destes lugares de Xuvia, busca mellorar a seguridade dos viandantes, minimizando o risco de caída sobre as parcelas e vivendas, situadas a unha cota inferior.

Este martes procedíase á desmontaxe e retirada das vellas barreiras, que aínda se mantiñan en pé neste treito, a pesar do seu evidente deterioro a consecuencia da oxidación. E quedaban xa instaladas na zona do Poulo as novas estruturas.

A obra, adxudicada durante o pasado outono á firma Señalizaciones Norte SL, inclúe a fabricación e colocación dun total de 119 metros de novas barreiras. Estas, segundo o previsto, presentan un aspecto semellante ás precedentes, e están “resoltas en aceiro co axeitado tratamento” para garantir a súa duración

A administración municipal investirá nesta mellora, que rematará de forma inminente, un total de 43.265 euros, que se financiarán con cargo aos fondos do POS + 2024.

Share.

Comments are closed.