Ferrolterra será, do 13 ao 16 de outubro, epicentro da primeira Semana da Moda de Galicia, un evento organizado pola delegación da Asociación de Nuevos y Jóvenes Diseñadores Españoles (ANDE). O certame —que forma parte da 39.ª edición dos Premios Nacionales a la Moda para Jóvenes Diseñadores— servirá para seleccionar á persoa que representará a Galicia na gran final nacional. As instalacións de Galicia Textil acollerán o desfile que porá o broche de ouro á iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Neda.
Os representantes de ANDE Galicia, Esperanza Vázquez e Alberto Hermida, presentaron esta mañá o programa completo de actividades, acompañados por Héctor Castro, director de Galicia Textil, e por representantes institucionais da Xunta de Galicia, a delegada territorial Martina Aneiros; o concelleiro e concelleiras de Ferrol, Narón e Neda, Aran López, Olga Ameneiros e Marián Bello, respectivamente; ademais da Universidade da Coruña e de entidades colaboradoras.
«Este evento é o resultado de meses de traballo para conseguir que Galicia teña, por fin, presenza no circuíto nacional da moda xove. É tamén unha oportunidade para que o talento galego teña un escaparate propio e próximo», destacou Esperanza Vázquez, quen subliñou que esta é a primeira vez que Galicia participa nos Premios Nacionais á Moda para Novos Deseñadores, que se celebran de forma ininterrompida desde 1986.
A programación inclúe actividades repartidas entre Ferrol, Narón e Neda, con presenza de profesionais da moda, talleres universitarios, mesas de debate e espazos de encontro para a creación e a reflexión en torno ao deseño.
Ese 16 de outubro celebrarase o momento máis esperado de toda a programación: o desfile das coleccións finalistas, onde un xurado profesional formado por deseñadores, docentes universitarios e especialistas do sector valorará as propostas e seleccionará á gañadora galega que competirá na final nacional en Madrid.
A cita terá lugar nas instalacións de Galicia Téxtil, unha empresa con longa tradición no sector. De feito, a firma, dedicada hoxe á elaboración de tecidos técnicos, produciu no pasado 90% para marcas como Inditex. Este ano, as deseñadoras participantes son nove mulleres creadoras Isabel Carvalho, Erika, Carol Caicedo, Claudia Jiang, Claudia Álvarez, Ariana Martínez, Ainhoa Vigo, Sabela Freire, e Nerea Sedes.