Sae a exposición pública o Parque eólico Caaveiro, que afecta ao municipio de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello convocará reunións veciñais para trasladar información sobre este proxecto de Enel

Neda, 18 de xuño de 2021. O BOE recollía esta semana o anuncio do Ministerio de Política Territorial e Función Pública polo que se somete a información pública o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa, presentada por Enel Green Power España, para a construción do Parque eólico Caaveiro, de 78 MW, entre os municipios de Neda, Fene, San Sadurniño, A Capela, As Pontes e Cabanas. O Concello de Neda ten previsto levar a cabo distintas encontros veciñais para informar de forma detallada do proxecto enerxético.

O parque eólico, cun investimento que supera os 75 millóns de euros, implicaría a instalación de 14 aeroxeradores e un máis de reserva, distribuídos nos municipios de San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas. Deles, seis levantaríanse en territorio nedense, con dous modelos de aeroxeradores diferentes, uns co buxe a 84 metros de altura e outros a 115 metros. O Parque Caaveiro contaría ademais coa súa propia subestación transformadora en Fene, instalacións de control e medida, as súas propias infraestruturas de conexión á rede de transporte e unha rede de accesos.

Este proxecto forma parte dun conxunto de 6 parques eólicos situados na zona noroccidental da provincia da Coruña, en desenvolvemento por parte de Enel Green Power España S.L. e cunha potencia instalada conxunta de 611 MW. Todos contarían cun mesmo punto de conexión á rede, a Subestación de REE As Pontes (posición Grupo 3 Central Térmica).

A publicación dos estudos no Boletín Oficial do Estado abre o proceso de exposición pública, e con el o prazo, que se prolongará ata o próximo 27 de xullo, para a presentación de alegacións ante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. Dada a complexidade da documentación, o Concello convocará proximamente reunións para trasladar ao conxunto dos veciños toda a información precisa sobre o proxecto.

 

Preme aquí para ver os documentos do proxecto

 

Share.

Comments are closed.