O Concello de Neda pechou o exercicio 2024 cun remanente de tesourería positivo, superior ao millón de euros. Segundo a liquidación do orzamento que se acaba de aprobar, a administración local cumpriu ademais coa regra de gasto, contando cun superávit próximo aos 355.000 euros, sen incrementar a presión fiscal e pagando, en tempo e en forma, aos provedores. Datos que poñen de relevo a solvencia económica do Consistorio e a boa marcha da xestión municipal neste eido.
A liquidación do orzamento do pasado ano, tendo en conta a reactivación das regras fiscais, cumpre co principio de estabilidade orzamentaria, alcanzando un superávit de 354.811 €. En tanto non se aprobe a Ley de Presupuestos Generales del Estado ou o autorice unha norma con rango de lei, esta cantidade non poderá destinarse a gastos financieramente sostibles.
O gasto municipal non superou a porcentaxe de crecemento prevista para o exercicio. E a entidade local cumpre ademais co límite de débeda. Así, o Concello non ten débeda bancaria e reduciu a contraída coa Deputación por préstamos asinados no seu momento (na actualidade non chegan ao 7,00% dos ingresos correntes). Finalmente, tamén cumpre co período medio de pago a provedores que, a 31 de decembro, ascendía a 3,66 días, contribuíndo así á viabilidade das empresas que traballan para o Consistorio.
Execución orzamentaria
O informe dos Servizos económicos municipais detalla que a execución orzamentaria dos gastos foi do 80%, e “seguindo a mesma liña dos anos anteriores, pagouse o 95,37% do total de obrigas recoñecidas”.
No que atinxe á estabilidade, cómpre sinalar que o Concello de Neda pechou o 2024 cun remanente de tesourería de 1.093.237 euros. Por tanto a situación de liquidez da entidade local, dispoñible para financiar gastos, é boa a curto prazo. Parte deste superávit deberá aplicarse a incorporar gastos xa iniciados no pasado exercicio, que se completarán no actual.
Prudencia
Iso si, para manter a situación, a Intervención municipal pide prudencia no emprego que se faga dos recursos do remanente de tesourería para novos gastos xerais. Nesta liña, alude ao contexto actual de prezos elevados e á necesidade de licitar contratos xa vencidos, que suporá un aumento importante dos novos prezos de licitación, e que cómpre “garantir o cumprimento dos períodos máximos de pago a provedores”, así como o cumprimento da estabilidade orzamentaria e regra de gasto, unha vez que as regras fiscais volven estar activadas.
Á vista dos resultados, defenden dende o Concello que “a xestión realizada no 2024 permite ter un Concello saneado e eficiente”.