O Concello quere recoñecer a súa magnífica traxectoria no Pescados Rubén Burela FS cun acto aberto á veciñanza previa reserva de asistencia no 981 39 02 33
Neda, 23 de xuño de 2021. Ale de Paz González é profeta na súa terra, Neda. Cada partido da xogadora do Pescados Rubén Burela FS séguese na súa vila con expectación e emoción, e cada trunfo das Guerreiras Laranxas vívese con orgullo. Dende que fichara hai 2 anos pola formación lucense, acostumou á veciñanza a éxitos e máis éxitos: 2 ligas, 2 copas da Raíña, unha Supercopa, unha copa de Galicia… e a súa convocatoria pola selección nacional.
Ale de Paz é un exemplo de superación, sacrificio e humildade. Un auténtico referente, e este venres o seu Concello quere rendirlle a súa modesta homenaxe. Para iso, o alcalde, Ángel Alvariño, anunciaba esta mañá que o venres o auditorio da Casa da Cultura acollerá unha recepción institucional á grandísima xogadora nedense a partir das 20 horas.
Está previsto que a mellor deportista das galas do Deporte de Neda en 20217 e 219 asine no libro de ouro da vila e reciba alí o cariño e recoñecemento tanto da corporación municipal como dos seus veciños e veciñas. En todo caso, e coas limitacións nos aforos impostas pola covid-19, o Concello vese na obriga de establecer ese aforo reducido, polo que as persoas que desexen acudir á cita deberán reservar a súa praza chamando ao 981 39 02 33 (de 9 a 13 e de 16 a 20 h).