Sábado, Xaneiro 18

O público infantil será protagonista da programación de Nadal de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda vén de presentar a súa programación especial de Nadal na que, como sempre, os máis pequenos e pequenas da casa serán protagonistas. Con todo, a oferta inclúe actividades para todos os públicos. As propostas estrela serán, un ano máis, as cabalgatas de Papá Noel e dos Reis Magos de Oriente que, un ano máis, tentarán cubrir todo o municipio.

A visita das SS MM aos centros educativos públicos da localidade (Escola infantil municipal, CEIP de Maciñeira e CEIP San Isidro) o venres 20 de decembro marcará o arranque das actividades. Será unha primeira toma de contacto co alumnado de infantil e primaria para lembrarlle, entre outras cousas, que ten á súa disposición o Buzón Real na Casa do Concello.

Con todo, os días grandes para os nenos e nenas serán o luns 23 de decembro e o domingo 5 de xaneiro, xornadas nas que, respectivamente, as cabalgatas de Papá Noel e dos Reis Magos percorrerán as rúas e camiños de Neda, buscando así que ningún cativo quede sen velos.

Está previsto que, como nos últimos anos, os desfiles se prolonguen dende primeiras horas da mañá ata media tarde. O Concello debullará días antes das cabalgatas horarios aproximados de paso polos distintos lugares das catro parroquias nedenses.

Tras o percorrido, terá lugar a recepción de Papá Noel aos nenos e nenas nedenses na Casa das Palmeiras, nun encontro no que haberá chocolate con churros para quen queira quecer o corpo. Pola súa banda, o encontro cos Reis Magos, será no polideportivo do Roxal.

Como novidade, os días 26 e 27 de decembro, de 11 a 13 horas, ponse en marcha no Polideportivo municipal Ale de Paz o programa “DeporNadal por =”. A iniciativa ofrecerá actividades deportivas e lúdicas en igualdade, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. A proposta contará con prazas limitadas.

OUTRAS ACTIVIDADES

Ademais, os maiores do municipio terán no centro cívico de Neda a súa propia celebración. A Merenda de Nadal da terceira idade, na que non faltarán o chocolate con churros, o roscón de reis, a música en directo, e máis o sorteo de agasallos, terá lugar o venres 20 de decembro, ás 18 horas.

E os máis deportistas da familia, terán o martes 31 de decembro, a partir das 10 horas, a oportunidade de despedir o 2024 correndo a III San Silvestre Concello de Neda, na con saída do polideportivo do Roxal. Unha proba pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, e incluída no “X Circuíto da Deputación da Coruña”. O prazo para inscribirse estará aberto ata as 23.59 do día 20, a través da web www.carreirasgalegas.gal.

Share.

Comments are closed.