Martes, Decembro 3

Neda conmemora o 25N cunha campaña divulgativa nas redes sociais, a “Marcha polo bo trato” e teatro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda vén de presentar a súa programación especial con motivo do 25N Día pola eliminación da violencia contra a muller. Unha oferta que aposta, desta volta, por dar a coñecer os recursos a disposición das vítimas, sen deixar de lado as accións de sensibilización.

“Estamos aquí” será o título da campaña divulgativa municipal, que incluirá un conxunto de pezas audiovisuais de curta duración, protagonizadas por profesionais que interveñen, ou poden intervir, na atención e acompañamento ás vítimas de violencia de xénero no municipio.

Axentes participantes

As redes sociais do Concello converteranse na canle de difusión destes vídeos que porán o foco, por exemplo, no labor de detección que se realiza dende os Servizos Sociais ou no centro de saúde de Neda, ou nos recursos existentes para axudar a que as mulleres vítimas de violencia de xénero de Neda deixen atrás, en moitos casos, anos de violencia psicolóxica, física…

Persoal do atención primaria do centro de saúde e dos Servizos Sociais, a dirección do instituto, profesionais de servizos especializados e Garda Civil tomarán a palabra nos vídeos, que se compartirán a partir do 25 N.

Actividades de sensibilización

Ademais, este venres, 22 de novembro, a partir das 10.30 horas, terá lugar unha cita habitual da programación local do 25 N. Trátase da Marcha polo bo trato, unha andaina a prol da igualdade que une nas rúas de Neda a alumnado dos centros educativos locais, á que se convida a participar á veciñanza que o desexe. Un percorrido entre o albergue de peregrinos e a Casa do Concello, onde se garda un minuto de silencio polas vítimas, tras o que se inicia na Casa da Cultura un acto coas reflexións dos estudantes sobre a temática.

Tamén o venres 22, no marco do programa Tempo para o teatro, prográmase “Heroínas cotiás” de Muiñeiras do vento, baseada nas vivencias de mulleres anónimas e tamén ilustres que formaron parte da historia de Ferrol. Será a partir das 20.30 horas (entrada 2 euros).

Finalmente, a programación especial do Concello de Neda, activada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero, incluirá a tradicional iluminación conmemorativa da fachada da Casa Consistorial.

Share.

Comments are closed.