A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol inicia o proceso de selección para unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A Xunta de Galicia e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta iniciativa, dirixida a mulleres desempregadas que residan en Neda ou noutros sete municipios da zona, e estean inscritas na correspondente Oficina de Emprego.
A iniciativa terá unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes para mellorar a súa empregabilidade e lograr a inserción laboral (o obxectivo mínimo deste ano é o 35% das mulleres participantes). Con esta finalidade, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, información, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas, tanto transversais como específicas para o emprego.
A formación transversal estará composta por diversos cursos (que supoñen un total de máis de 540 horas lectivas) entre os cales se inclúen os de Técnicas de busca de emprego, Habelencias sociais, Alfabetización informática, Internet, redes sociais e dispositivos dixitais, Conversa de Inglés, Fomento da capacidade emprendedora, Técnicas de coaching e intelixencia emocional, Técnicas de motivación para a busca de emprego e Mobilidade laboral.
Itinerarios formativos
En canto á formación específica para o emprego, hai que sinalar que está estruturada en seis itinerarios (cunha duración total en aula que supera tamén as 720 horas): NTICS (Intelixencia artificial e Big Data), Construción naval (Soldadura, PRL, Xestión medioambiental no sector naval), Limpeza industrial, Cociña, Comercio e loxística e Agricultura ecolóxica. Esta formación inclúe, ademais do traballo de aulas, a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna. Ademais, de ser o caso, poderanse levar a cabo outras actividades e/ou accións formativas, en función dos intereses e necesidades detectadas.
O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral, establecendo contacto coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado e as posibles ofertas de emprego para facilitar a información e inserción laboral das usuarias.
Bolsa de asistencia
O programa contará, ademais, con medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, para facilitar a participación de todas aquelas usuarias que teñan persoas maiores ou menores a cargo. Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 10 euros por día de asistencia ás accións do programa.
Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen a súa cualificación, melloren o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral e adquiran formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.
Todas aquelas mulleres interesadas e debidamente inscritas como demandantes de emprego poden ampliar información na web da Mancomunidade (https://comarcaferrolterra.wordpress.com/) e contactando co equipo técnico do programa nos seguintes números de teléfono 613 10 85 30 / 613 10 85 35, ou ben no enderezo de correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es.