Neda, 17 de novembro de 2024. Preto de 900 persoas de todas as idades sumaron esta mañá os seus pasos para dar vida na VII Andaina Solidaria de Neda. Unha iniciativa coa que se busca recadar fondos para colaborar na loita contra o cancro, dirixindo os fondos das inscricións, nesta edición, á Asociación Española contra o Cancro.
Organizada polo Concello de Neda e persoas voluntarias, ás que se suman ano tras ano negocios e comercios locais, partía ás 11 horas das inmediacións do Albergue de Peregrinos. O tempo acompañou, e nun ambiente festivo, o percorrido, de 5 km e apto para todas as condicións físicas, transcorría polo paseo marítimo, Albarón, Ponte Grande, Santa María, e regreso ao Albergue.
Neste punto, o alcalde, Ángel Alvariño, e a concelleira de Igualdade e Deportes, Ángeles Puentes, facían entrega á presidenta da delgación ferrolá da AECC, Isabel Estevan, dos fondos recadados: un cheque por valor de 5.210 euros, que permitirán colaborar co financiamento dos servizos de atención aos pacientes oncolóxicos que presta a entidade, e tamén, apoiar os proxectos de investigación contra esta enfermidade.
Ademais, a organización quixo premiar a participación masiva da cidadanía, e concedía un galardón especial ao grupo máis numeroso: Campeonas de la vida, que repetía o recoñecemento, este ano con nada máis e nada menos que 111 integrantes. E A Canteira de Neda tamén levaba un detalle para corresponder o apoio recibido.
Como colofón ao acto, no que actuou como mestre de cerimonias o cantante Geno, celebrouse o sorteo de agasallos cedidos por unha morea de establecementos comerciais e de hostalería da zona: Estanco de Neda, Farmacias Portela, Panadería Santa Rita, Din&Don Narón, Covirán Celina, Bohéme, Centro de Fisioterapia Higea, Panadería La Gallega, Café Bar Albarón, Café Bar Chámalle como Queiras, Ventanas Covial, Fuente del Val, Electrodomésticos Antonio Pena e Lu Nails.