A Costa Ártabra volverá converterse este verán en escenario de encontro entre música, territorio e memoria coa celebración da X edición do Festival Jazz de Ría, que terá lugar do 12 ao 16 de agosto de 2026 nos concellos de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño.
O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acollía este xoves á tardiña a presentación desta décima edición. Unha cita que contou coa presenza de Marián Ferreiro, Alberto González, responsables de goberno de Narón e Valdoviño, respectivamente; a concelleira de Cultura de Neda, Marián Bello, a deputada de Plans provinciais da Deputación da Coruña, Cristina García.
Pola súa banda, a directora do festival, Aitana Cuétara, foi a encargada de debullar o programa do festival poñendo en valor a traxectoria de Jazz de Ría como proxecto cultural compartido e como elemento dinamizador do territorio da Costa Ártabra. Cuétara explicou que o festival, fiel ao seu carácter itinerante, continuará desenvolvendo unha proposta cultural estreitamente vinculada os espazos naturais e patrimoniais da comarca, entendendo a paisaxe como parte esencial da experiencia artística.
Adiantaba que será una edición marcada por unha efeméride de enorme relevancia para a historia da música: o centenario do nacemento de Miles Davis, unha das figuras fundamentais do jazz do século XX, conectado dun xeito fascinante e pouco coñecido coa tradición musical galega.
A X edición de Jazz de Ría será ademais a máis internacional da súa historia, cunha programación que reúne músicos procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda e Estados Unidos.
Programación
A programación comezará o mércores 12 de agosto en Cedeira, no Miradoiro de San Antón de Corveiro, coa inauguración oficial da décima edición, que coincidirá coa observación da eclipse solar. A celebración comezará cunha sesión do produtor e picadiscos galego DJMIL e rematará cun concerto de Xabier Díaz.
O xoves 13 de agosto, o festival trasladarase á costa acantilada de Valdoviño, onde terá lugar o roteiro Balcóns ao Atlántico, coa intervención de Marina Vigo, Luis Bolón & Sandra Pérez no Castro do Rodo. Pola noite, na Praia do Baleo, actuarán Alejandro e María Laura, formación procedente do Perú.
O venres 14 de agosto, Narón acollerá no Pazo da Cultura o concerto do Ensemble 100xMiles, unha formación galega creada especificamente para conmemorar o centenario do nacemento de Miles Davis.
O sábado 15 de agosto, tamén en Narón, o festival propón unha xornada centrada na memoria e o relato que vertebra esta edición. Pola mañá terá lugar unha visita guiada ao Mosteiro do Couto da man de Quico Cadaval, dedicada á relación entre Miles Davis e o chifro do afiador ourensán José María Rodríguez.
Pola tarde, o Parque do Río Freixeiro acollerá unha xornada de concertos con Sarah Dowling meets Michael Kanan Trio (Palestina/Irlanda – Estados Unidos), Albert Cirera & Tres Tambors e unha das poucas oportunidades de ver a formación liderada polo saxofonista cubano afincado nos Estados Unidos, Yosvany Terry Quartet, en xira por Europa.
A clausura chegará o domingo 16 de agosto en Neda, na Ribeira de San Nicolás, ao pé da desembocadura do río Belelle, co concerto do músico de Tucumán (Arxentina) Manu Sija, poñendo o peche a cinco días de música e encontros en distintos espazos da Costa Ártabra.
Con dez anos de traxectoria, o Jazz de Ría continúa apostando por un modelo de festival que entende a cultura como ferramenta de transformación social e territorial, creando pontes entre a música, a natureza e as comunidades que habitan o territorio. O festival está promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño. Tamén conta coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e AIEnRuta-Jazz.