O martes 15 de outubro abrirase o prazo de inscrición, a través da web www.carreirasgalegas.com, na 38 edición da carreira popular Volta á ría Memorial Adolfo Ros. Así o anunciaba esta mañá a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, quen presentaba a proba, que terá lugar o 1 de decembro, con saída e meta na estrada de Castela, nas inmediacións da Casa Consistorial de Narón. Xunto a ela estiveron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Deportes de Neda, Ángeles Puentes; os seus homólogos en Ferrol e Narón, Rocardo Aldrey e Ibán Santalla; e Xaquín Ros, irmán do homenaxeado.
O percorrido a realizar é de 21 quilómetros na carreira absoluta, saíndo ás 10.00 horas dende Narón cara a Neda, Fene e Ferrol para regresar de novo a Narón. Haberá tamén categorías de menores (que percorrerán tramos de entre 50 e 5.000 metros) e modalidades de cadeira de rodas, handbikes e para persoas con discapacidade visual. As persoas interesadas en asistir a esta proba -atletas federados ou non- incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo, poderán anotarse ata o 27 de novembro ás 23.59 horas.
Ferreiro destacou a colaboración entre os concellos de Narón, Ferrol, Fene e Neda para poder levar a cabo un ano máis esta proba. Trátase dunha edición similar á de anos anteriores e para a que se confía en ter unha boa afluencia de participantes, “para rendir un ano máis esta tan merecida homenaxe a Adolfo Ros, que deu a súa vida por salvar a uns rapaces na praia de Doniños”. Así mesmo, agradeceu a implicación das Forzas e Corpos de Seguridade, persoal de Protección Civil dos catro concellos, sanitarios, entidades de voluntarios, entre elas Aefat, asociación que agrupa a familias afectadas por ataxia telangiectasia en España, e clubs e entidades deportivas de Narón e doutros concellos que tamén se implicarán no correcto desenvolvemento da proba.
En nome da familia falou Adolfo Ros, que agradeceu “que dende hai casi corenta anos concellos da comarca sexan capaces de manter esta proba, tamén apoiada pola Federación, pero na que os concellos son a base para que se organice e todo saia ben”. Xaquín Ros incidiu tamén na elevada participación que rexistra en cada edición e agradeceu a implicación de todas cantas persoas se implican na mesma, cunha mención especial aos colectivos de persoas discapacitadas cos que colaboran os concellos para que poidan participar.
Os representantes dos catro concellos animaron á cidadanía a participar na convocatoria. Finalmente, a rexedora naronesa avanzou que o acto de entrega de premios será ese mesmo día, ás 13.00 horas, no Auditorio municipal de Narón, na praza de Galicia.