Máxima preocupación polo desbordamento dende esta madrugada, a causa das persistentes chuvias, dos ríos Belelle e Basteiro, que anegan terreos e mesmo chegan, en puntos como As Augas e Santa María, a algunhas vivendas.
O Concello de Neda procedeu nas últimas horas a cortar os accesos rodados ao citado lugar, e alertou a Augas de Galicia para que retirara a máquina escavadora que traballa nas obras complementarias da retirada do azud do muíño do Carballo, ante o risco de que a leve a corrente. Tamén o río Castro se atopa completamente desbordado, deixando baixo as súas augas espazos como a área recreativa da Cobeluda.
Co obxectivo de tentar que o desbordamento non afecte a máis vivendas, o Concello aprovisionábase de sacos de area e grava para colocar, en función das necesidades, barreiras na zona comprendida entre Santa María e As Augas. A media mañá comezaba a instalarse a primeira. O GES de Mugardos, persoal municipal de servizos e obras, e a Policía Local traballan dende primeiras horas da mañá na zonas afectadas polas inundacións máis próximas ás casas.
Dende o Concello rógase que se extreme a precaución, pídese á veciñanza que evite achegarse a contorna dos ríos e que non crucen zonas inundadas.