Mércores, Abril 23

Neda activa este xoves a preinscrición de novo alumnado para o curso 2025-2026 da Escola infantil municipal

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda abre este xoves o prazo de preinscricións para o novo alumnado na escola infantil municipal Os Pelegríns de cara ao curso 2025-2026. As solicitudes, xunto coa documentación complementaria, terán que presentarse no rexistro municipal (ben de forma presencial na Casa Consistorial, ben a través da sede electrónica) ata o 15 de abril.

O servizo socioeducativo atende a menores de entre tres meses e tres anos. Está situado xunto ao Paseo marítimo de Xuvia, e aposta pola experimentación e o xogo como métodos para facilitar a aprendizaxe. Ademais, mantén a súa aposta pola alimentación saudable, contando con cociña propia.

Xornada adaptada

A escola infantil é a principal oferta do Concello para facilitar á veciñanza a conciliación de vida familiar e laboral. Funciona os doce meses do ano, cun horario que abarca de 8 a 16 horas. Ofrece as posibilidades de xornada completa, media e xornada reducida, segundo as necesidades dos proxenitores. E un curso máis, volverá ser absolutamente gratuíta para as familias.

O regulamento de Os Pelegríns establece como preferencia que o alumnado estea empadroado en Neda durante a asistencia na escola. Con todo, poderán anotarse nenos e nenas doutros municipios no caso de que existan vacantes.

Na adxudicación de prazas primarase aos solicitantes con irmán/á cunha praza renovada no centro e ás familias con máis puntos na baremo das circunstancias socioeconómicas. Para máis información pode contactarse cos Servizos Sociais municipais ou coa propia escola, a través do teléfono 682562616.

Share.

Comments are closed.