O Concello de Neda destinará a subvención do POS+ Adicional 1/2024 da Deputación da Coruña para facer fronte as municipais destinadas a reforzar as partidas municipais de emerxencia social e, fundamentalmente, para facer fronte á achega municipal do servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia. O pleno da corporación aprobaba esta semana o reparto dos 39.491,3 euros asignados para gastos sociais extraordinarios de cara a este ano.
Segundo a proposta da alcaldía, o Concello botará man destes fondos para ampliar en 491 euros as partidas municipais orientadas a facer fronte a situacións de emerxencia social da veciñanza. Estes fondos servirán para a cobertura de necesidades básicas (vivenda, alimentación, educación, gastos farmacéuticos…) de familias da localidade que se atopan en situacións de vulnerabilidade e acudan aos Servizos Sociais en busca de axuda.
Con todo, a maior parte da subvención da Deputación da Coruña (un total de 39.000 euros) utilizarase para a dotación das partidas municipais destinadas a cubrir a parte da achega municipal ao Servizo de Axuda no Fogar de atención de carácter básico na modalidade dependencia. Na actualidade, reciben atención por esta vía 141 nedenses.
A diferencia do acontecido co POS + 2024, a proposta de reparto dos fondos do POS + Adicional 1/2014 para gastos sociais extraordinarios, elevada ao pleno polo goberno local, foi aprobada por unanimidade.