Tal e como estaba previsto, o Concello dará por concluída este venres, 6 de setembro, a tempada estival na piscina de Neda. A instalación de lecer ao aire libre converteuse, un verán máis, en punto de encontro e de recreo para a veciñanza da vila e doutros puntos da comarca, ademais de acoller o campamento acuático municipal.
O equipamento municipal, situado nos Subarreiros, recibiu de media a unhas 75 persoas diarias. Apuntan dende a instalación que houbo xornadas de calor abafante durante este verán nas que se contabilizaron ata 200 bañistas, pero tamén días grises sen apenas xente. Así, calculan que, dende a apertura ao público o pasado 29 de xuño, teríanse recibido ao redor de cinco mil visitas.
O mes de maior afluencia, como vén sendo habitual, foi o de xullo. E mozos e mozas, xunto con familias con fillos pequenos e outras habituais, ano tras ano, conforman o público deste servizo, do que desfrutan cada vez máis peregrinos que están a facer o Camiño Inglés.
Campamento acuático
A instalación foi ademais sede durante todo o verán do campamento acuático municipal. Unha iniciativa na que participaron, repartidos en grupos de idade, ao longo dos meses de xullo e agosto, uns 40 nenos e nenas, de entre os 4 e os 14 anos. A actividade que incluíu natación, dinámicas deportivas e xogos cooperativos.
Aínda que o tempo non está a acompañar, a piscina seguirá abrindo estes días para o baño libre entre as 15.30 e as 20.30 horas.