O Concello de Neda abrirá este xoves, 19 de outubro, o prazo para inscribirse no Magosto da terceira idade. Trátase dunha proposta de lecer, pensada para que as persoas maiores desfruten desta tradicional festa. A cita terá lugar o venres 3 de novembro, a partir das 18 horas.
O centro cívico volverá ser o escenario no que se desenvolva a actividade, recuperada o pasado ano tras o parón pola pandemia. A proposta está aberta tanto á veciñanza do municipio como de fóra. Unha escusa perfecta para xuntarse e divertirse.
Durante a celebración non faltará a tradicional degustación de castañas asadas e de boliños preñados, acompañados de viño ou ben de refrescos, e da mellor música. De feito, haberá baile amenizado por un grupo musical.
Para participar cómpre anotarse do 19 e o 30 de outubro – ou ata completar aforo- nas oficinas de Servizos Sociais do Concello. Para as persoas residentes en Neda a actividade será de balde. A xente procedente doutros municipios terá que pagar 5 euros para participar.