Martes, Decembro 3

Os Reis Magos percorrerán Neda este venres, con varias paradas breves para saudar aos nenos e dúas recepcións

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Coa vista posta na predición meteorolóxica, que avanza chuvias, e co obxectivo de asegurar que os nenos e as nenas de Neda poidan este venres saudar aos Reis Magos de Oriente, o Concello vén de pechar un percorrido matutino polo municipio con paradas das Súas Maxestades nas distintas parroquias, repartindo alegría e ilusión.

Melchor, Gaspar e Baltasar, xunto aos seus paxes, desprazaranse por toda a localidade horas antes de visitar os fogares, e deixar aos máis pequenos/as da casa os seus agasallos. Será un itinerario no que se sucederán as quedadas cos nenos e nenas do municipio.

Así, ás 11 horas está previsto o paso por Xubia das carrozas dos Reis Magos con destino ao local social de Viladonelle (11.30 horas), onde farán unha primeira parada exprés da xornada para saudar. A seguinte parada será ás 12 horas no local social de Anca e, posteriormente, achegaranse uns minutos ata a Casilla do Puntal (12.30 horas).

Xa pola tarde, a cabalgata sairá da estación de trens ás 16 horas con destino á próxima Casa das Palmeiras, onde haberá un primeira recepción, a partir das 16.15 horas, na que atenderán as peticións dos máis cativos e recollerán as súas cartas.

E dende alí partirán unha hora despois con destino á pista polideportiva do Roxal, onde ofrecerán unha segunda recepción, a partir das 18.30 horas. Desta volta, os máis cativos poderán desfrutar dunha merenda e xogar no inchable que se instalará.

Durante toda a xornada, os Reis estarán acompañados por Protección Civil, a quen o Concello agradece a súa implicación para que saia todo ben durante a visita das Súas Maxestades, na que tamén colabora a AVV San Pelaio do Roxal.

Share.

Comments are closed.