Mércores, Decembro 4

Os propietarios de vehículos de máis de 25 anos de Neda poden solicitar ata fin de mes a exención do pago de rodaxe

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda lembra que o último día de decembro vence o prazo para que os veciños e veciñas do municipio que sexan propietarios de coches cunha antigüidade mínima de 25 anos soliciten a exención no pago do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, a rodaxe, de cara ao próximo ano.

Tal e como recolle a ordenanza que regula ese imposto municipal, poderase solicitar unha bonificación do 100% na cota, cando o vehículo teña 25 anos ou máis, contados a partir da súa data de fabricación. Engade o texto que, no caso de que esta non se coñecese, “tomarase como tal a da súa primeira matriculación ou, no seu defecto, a data na que o correspondente tipo ou variante se deixou de fabricar”.

A exención ten carácter rogado, debendo ser solicitada expresamente pola persoa propietaria ante a Deputación Provincial da Coruña, achegando a documentación que acredite que cumpre as condicións para obter a bonificación. Esta terá efecto a partir do exercicio seguinte ao da súa solicitude, non tendo carácter retroactivo.

Share.

Comments are closed.