Venres, Febreiro 7

Os problemas emocionais na adolescencia e os trastornos alimentarios centrarán as próximas charlas de “Acompañar no reto de educar”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O ciclo de charlas “Acompañar no reto de educar”, que promoven conxuntamente os concellos de Fene, Mugardos e Neda, pecharase este mes de maio con dúas novas sesións divulgativas, nas que se abordarán os problemas físicos e emocionais dos adolescentes e os trastornos alimentarios, respectivamente. Está aberto o prazo para inscribirse.

A primeira das entregas chegará o luns 13 de maio, a partir das 18 horas, e levará por título “Malestar físico e emocional nas/os nenas/os e adolescentes. Sinais de alerta e sintomatoloxía”.

No encontro, que terá lugar na casa da cultura fenesa, a psicóloga clínica Yésica Bouza abordará cuestións como os síntomas ansioso depresivos, o risco de sobreprotección, as autolesións… ademais de falar do papel das familias no que atinxe á prevención destas condutas.

Trátase dunha entrega aberta ao conxunto da veciñanza, pero de especial interese para as nais e pais dos tres municipios coorganizadores, que teñen fillos en etapa preadolescente ou adolescente. Tamén está indicada para a propia rapazada.

A segunda chegará a finais de mes. Así, o luns 27 de maio pecharase o ciclo cunha charla informativa sobre conduta alimentaria na infancia, con especial atención á prevención de trastornos asociados (bulimia, anorexia…). Nesta liña, cómpre lembrar que “Acompañar no reto de educar” é un dos piares do proxecto socioeducativo e de prevención de condutas aditivas “Más que un teito”, que subvenciona a Consellería de Sanidade.

Para participar nas actividades, que terán prazas limitadas, será preciso cubrir este formulario online. As persas que precisen botar man do servizo de conciliación existente deberán anotarse como moi tarde o venres anterior a cada unha das charlas.

Pode obterse máis información sobre estas xornadas no servizo de educación familiar de Neda (981390233) ou chamando ao Centro municipal de servizos sociais de Fene (981492706/981342607).

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Share.

Comments are closed.