Os Náufragos Teatro estrea en Neda “Hugo”, unha obra para sensibilizar e dar visibilidade ao trastorno do espectro autista

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O salón de actos da Casa da Cultura de Neda acollerá este venres ás 18,30 horas a estrea da obra “Hugo” a cargo de Teatro Os Náufragos. Unha función con forte compoñente social, ao que nos ten acostumados a compañía, coa que queren sensibilizar e dar visibilidade ao trastorno do espectro autista (TEA). Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos, e tamén aos seus pais e nais, utiliza para isto unha linguaxe universal, a modo de conto. “Hugo” fala así de empatía, da necesidade de comunicarnos e da beleza da diferencia, porque ser diferentes fainos grandes.

As entradas están a disposición do público infantil ao prezo de 1 euro e, do adulto, a 2, e poden adquirirse na Casa da Cultura (en horario de 9 a 13 e de 16 a 20 h -ata completar aforo ou ata o mesmo venres-).

Incluída no programa da Xunta Cultura no Camiño, “Hugo” está protagonizada por Jimmy Núñez e María Roja, baixo a dirección de Gustavo del Río. Marimo Studios asina a escenografía; a iluminación corre por conta de Daniel Pais, e a música orixinal en directo, de Daniel Valentín. Para o seu guión, contaron co asesoramento de Asperga -Asociación Galega de Síndrome de Asperger-.

Acerca da compañía

Os Náufragos fai un traballo que vertebra a creación desde a dramaturxia ata a súa posta en escena. O labor do actor/actriz na creación é  o eixo fundamental da nosa proposta, así como a procura de novas linguaxes, próxima ao espectador e á actualidade.

Entende o teatro desde o encontro  e o diálogo do equipo artístico , vinculado desde hai anos cunha linguaxe común. Unha aposta forte tamén polos creadores galegos.

Os Náufragos nace con raíces fortes, cunha traxectoria consolidada dos seus integrantes e cunha vocación de proximidade co público.

Share.

Comments are closed.