A Oficina móbil de atención ás persoas emigrantes retornadas recala o próximo mércores, 28 de maio, en Neda. O servizo, destinado a facilitar a reintegración dos galegos e galegas que regresan á nosa terra tras residir no estranxeiro, ofrece atención personalizada e apoio para dar resposta ás necesidades específicas deste colectivo.
Entre os servizos que ofrece o punto de información, dependente da Secretaría Xeral da Emigración, destaca o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información sobre as axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Ademais, brinda axuda nos trámites administrativos, prestando asistencia na realización de xestións importantes para a vida cotiá dos retornados como as relacionadas coa sanidade, a educación, ou a Seguridade Social.
O catálogo de servizos complétase coa oferta de orientación laboral ás persoas usuarias (validación de titulacións…), e con información sobre vivenda e educación.
A oficina móbil, que complementa o labor dos puntos permanentes de atención ao retornado existentes en Galicia, situarase no adro da Igrexa de Santa María, e estará operativa na vila entre as 9 e as 14 horas. Para acceder ao servizo, cómpre solicitar cita previa a través do teléfono 900 102 380 ou da web emigracion.xunta.gal