Neda acollerá un obradoiro de solo pélvico da Escola Galega de Saúde para cidadáns

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda promove, da man da Escola galega de saúde para cidadáns, un obradoiro de coidado do solo pélvico. A actividade, orientada a mellorar a información e comprensión dos cambios evolutivos na muller e previr patoloxías, desenvolverase aínda en maio, pero abre dende xa o prazo de inscrición.

O obradoiro será impartido pola matrona do Complexo Hospitalario da Coruña, Paula Sánchez. Permitirá saber un pouco máis deste conxunto de músculos do corpo, ao que non se soe prestar atención, pero que ten funcións clave á hora de soster vísceras e órganos, no control dos esfínteres, na actividade sexual e no parto. Precisamente, moitas mulleres non toman conciencia da importancia desa zona ata que dan a luz.

A actividade, dirixida á poboación en xeral, chegará á Casa da Cultura de Neda- sempre que se xunte grupo- na tarde do 19 de maio, de 16.30 a 20.30 horas. Contará con parte teórica e práctica e dará dereito a diploma de participación.

Durante a sesión falarase das funcións do solo pélvico; das repercusións do embarazo e o parto sobre esta zona; da debilidade da musculatura e de como repercute a práctica de exercicio, das posibles lesións…Finalmente, abordaranse as técnicas de tratamento e exercicios de mellora.

Xa está aberta a inscrición online, a través da páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns . Na Casa da Cultura axudarase á veciñanza interesada en participar que teña dificultades para formalizar a inscrición online.

Share.

Comments are closed.