Un total de 27 persoas confirmaron inscricións no obradoiro de coidado do solo pelviano que o Concello de Neda organiza este luns, de 16.30 a 20.30 horas, da man da Escola galega de saúde para cidadáns. A actividade busca mellorar a información e comprensión dos cambios evolutivos na muller e previr patoloxías.
O obradoiro, que esgotou as prazas ofertadas, permitirá ás participantes saber un pouco máis deste conxunto de músculos do corpo con funcións clave á hora de soster vísceras e órganos, no que atinxe ao control dos esfínteres, na actividade sexual e tamén no parto.
A iniciativa, impartida pola matrona do Complexo Hospitalario da Coruña, Paula Sánchez, terá unha parte teórica e unha práctica. Así, durante a sesión abordaranse as funcións do solo pelviano. Falarase tamén, entre outras cuestións, de como afecta embarazo e o parto a esta zona; e de como repercute a práctica de exercicio nesta musculatura, das posibles lesións, e das técnicas de tratamento e exercicios de mellora.
A iniciativa, coorganizada por Concello e Escola Galega de Saúde para cidadáns, desenvolverase na Casa da Cultura de Neda e dará dereito á obtención dun diploma de participación.