O VI Jazz de Ría quenta motores

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O festival Jazz de Ría arrancou onte á tarde cunha festa de benvida na praia da Madalena, en Cedeira, onde está previsto celebrar o concerto de apertura o próximo xoves. No acto participaron o alcalde de Neda, Ángel Alvariño; o alcalde de Cedeira, Pablo D. Moreda; o concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez; a concelleira de Educación de Neda, Ángeles Puentes; o técnico de Cultura de Cedeira, Quique Vázquez; e a directora do festival, Aitana Cuétara, que presentou as novas colaboracións e parceirías do festival. Dun lado, súmase Cervezas Alhambra, en liña coa súa aposta por crear experiencias musicais únicas. Ademais, este ano a música que sonará antes e despois dos concertos, durante todo o festival, é unha escolla feita especialmente para o Jazz de Ría por Ábrete de Orellas, medio especializado con sede en Narón, dúas veces gañador do Premio Martín Códax da Música a mellor espazo de comunicación musical.

Do xoves 11 ao domingo 14 de agosto, o festival ofrecerá unha programación que se achega ás marxes do jazz a través de propostas que xogan con outros estilos como o soul das Sey Sisters, o flamenco de Los Aurora ou as músicas populares d’A Brigada Bravo&Díaz. Como en cada edición, a programación está deseñada para cada localización concreta, polo que a integración no territorio é total. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía do Jazz de Ría.

PROGRAMA:

XOVES 11| 21:30| Parque de San Isidro| Cedeira

DAVID REGUEIRO TRIO convida a ALEXANDRE CAVALIERE

VENRES 12| Parque Freixeiro| Narón

21:30 H. LOS AURORA

23:00 H. SUMRRÁ

SÁBADO 13| 13:00| Ribeira de San Nicolás| Neda

BRIGADA BRAVO & DÍAZ

SÁBADO 13| Parque Freixeiro| Narón

21:30 H NICOTINE SWING

22:45 H THE SEY SISTERS

DOMINGO 14| 11:00| SAÍDA DA IGREXA DE SANTA MARÍA| NEDA

ORNITHOLOGY · ROTEIRO

DOMINGO 14| 13:00| ÁREA RECREATIVA DE MACIÑEIRA| NEDA

ORNITHOLOGY · CELSO F. SANMARTÍN & PABLO CASTAÑO

Medidas de sostibilidade

A directora do festival tamén presentou as medidas adoptadas para tentar eliminar case ao 100% o plástico dun só uso.  Grazas á colaboración con Cervezas Alhambra, o festival contará con botellas reutilizables para a auga de todas as artistas e a equipa. Ademais, recupérase a “operación ecovaso”, para animar ás persoas asistentes a que leven os seus vasos reutilizables de casa; e para quen non leve o seu ecovaso, nas barras haberá vasos de cartón 100% reciclables. O Jazz de Ría recibiu en 2021 o Premio Organistrum Extraordinario nos Premios Martín Códax da Música, polas súas boas prácticas de sostibilidade e igualdade, en materia laboral, e na integración no entorno, entre outras cousas.

Share.

Comments are closed.