A sexta edición do Festival Internacional de Entes Animados chega de novo aos concellos da comarca este mes de setembro. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura desa cidade, Marián Ferreiro, presentou hoxe a programación no Pazo acompañada de Plamen Dipchikov, director do festival, e de representantes municipais dos concellos coorganizadores, entre os que se atopaba a concelleira de Cultura de Neda, Marián Bello. O certame forma parte da Red de Festivales Internacionales de Teatro de Títeres y Objetos de Otoño.
As representacións desenvolveranse en distintos escenarios das oito localidades participantes, dende centros cívicos sociais da zona rural a colexios entre este venres, día 20 e o vindeiro 29 de setembro. Trátase, segundo se apuntou, de obras de pequeno e mediano formato a cargo de compañías tanto nacionais como internacionais, premiadas por especialistas e recoñecidas polo público.
No marco do ciclo, froito da colaboración entre concellos, chegará a Neda a obra “Lupus Augustus” (sábado 21, ás 12 horas, no local social de Anca) e o espectáculo de sombras chinesas de “My Shadow and Me” dos inglés Drew Colby (domingo 29, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura).
PROGRAMACIÓN
En total, será unha vintena de representacións de sete obras. Así, “Lupus Augustus” poderá desfrutarse tamén en Cabanas, en San Xiao de Narón, ademais de en Canido, e en Covas (Ferrol). E “My Shadow and Me”, ademais de en Neda, no Val, en Narón, e tamén en Limode (Fene).
A estas dúas propostas hai que sumar outras dúas da compañía portuguesa Fío d´Azeite: “Sopa de Pedra” (Valdoviño e ao barrio ferrolán de Canido) e “Dom Roberto” (na parroquia naronesa de Pedroso e na aresá de Chanteiro).
Do país veciño chegan tamén “Sen pés nen cabeça”, proposta que Rui Sousa porá en escena na Cabana e en Pazos (Ferrol), en San Mateo (Narón) e na Alianza Aresana; e máis “A Tourada” de Caricata teatro (Doso, en Narón; e Sillobre, en Fene).
Por último, dende Brasil, e da man de Fabio Superbi, chega “Alguma coisa” a Sedes, en Narón, ao pantalán das Forcadas, en Valdoviño; e o parque da rúa, en Miño.
O director do festival indicou que se trata dunha proposta “co único fin de descentralizar os eventos culturais e de levar unha programación de calidade aos sitios máis alonxados do centro urbano de cada concello”.