Sábado, Xaneiro 18

O V Festival Internacional Entes Animados regresa a Neda con actuacións sábado e domingo na Casa da Cultura e no local social de Viladonelle

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Con presenza dos/as concelleiros/as e técnicos/as de Cultura dos municipios participantes, a Casa da Cultura de Fene acolleu este mediodía a presentación do 5º Festival Internacional Entes Animados que se celebrará a vindeira fin de semana, do 22 ao 24 de setembro. Ao longo destas tres xornadas, cinco compañías procedentes de Italia, Portugal e Alemania achegaranse ata Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño para presentar os seus espectáculos que abranguen “desde o teatro de títeres de luva até a narrativa teatral máis engaiolante”. As compañías convidadas nesta nova edición son: Bambabambin (Italia), Fio d`Azite (Portugal), Historioscópio (Portugal), Luis Manitha (Portugal) e Marimbondo (Alemania/Portugal). En total ofrecerán 19 funcións, con entrada libre e de balde, nas que cada grupo amosará “a súa perspectiva única da arte teatral de títeres, achegando o público a un universo de emocións e reflexións”.

No que atinxe ao Concello de Neda, o Festival Internacional de Entes Animados 2023 comezará o sábado 23 de setembro, ás 12:00 horas na Casa da Cultura. Nesta primeira función, a compañía portuguesa Historioscopio ofrecerá o espectáculo “No conto da Raposa”. Unha antoloxía de contos inspirados na tradición oral portuguesa, protagonizados pola astuta Raposa. A actuación combina narración de historias con teatro de marionetas ao estilo tradicional, celebrando a sabedoría da cultura popular en historias divertidas e actuais.

O domingo 24, o festival trasladarase ao local social da AVV de Viladonelle, coa función de “Arlequinadas”, a cargo da compañía Bambabambin (Paolo Rech-Italia) a partir das 18:30 h. O espectáculo recolle un repertorio de farsas da tradición italiana reunidas nun espectáculo que ten como protagonista a Arlequín e aos seus amigos da Comedia da Arte. Unha aventura na que o protagonista Arlequín debe enfrontarse a unha serie de peripecias para fuxir dos enganos de Brighella, das dentadas do seu can, dos consellos do doutor Balanzone, do brazo da lei … e ata da morte. Recomendada para nenos e nenas a partir de 4 anos e público familiar.

En palabras do director artístico do festival, Plamen Di, “O Festival Internacional ENTES ANIMADOS 2023” representa unha celebración da diversidade teatral titiriteira e a unión de diferentes culturas a través da arte”. “Estamos emocionados de ofrecer unha experiencia teatral única que inspirará, entreterá e conectará ás comunidades locais”.

O Festival Internacional ENTES ANIMADOS naceu co propósito de achegar o teatro de monicreques a comunidades locais en pequenos núcleos urbanos. Cada ano, o festival presenta compañías de teatro de renome internacional, ofrecendo actuacións de alta calidade e promovendo a diversidade teatral de títeres. Trátase dun evento que salienta polo seu compromiso coa cultura e as artes.

Toda a información sobre o festival, na páxina en Facebook do certame: https://www.facebook.com/fesivalinternacionalentesanimados.

Share.

Comments are closed.