O Concello de Neda convida a nenos e maiores a desfrutar dun mes de teatro no municipio, con funcións semanais na Casa da Cultura, previa reserva de butaca no 981 39 02 33 os luns anteriores ás citas programadas.
O programa inugurarase con “Bernarda. Vilalba 1975”, de Malasombra Teatro. Distinguida cos premios María Casares 2020 ao Mellor espectáculo, texto orixinal, dirección e actriz secundaria (Celia Gómez), o público poderá desfrutar dela o venres 1 de outubro ás 20,30 horas. Unha obra que conta co patrocinio do programa Falaredes.
O calendario continuará o 8 de outubro á mesma hora, con Sarabela Teatro e “A lingua das bolboretas”, baseada en dous escritos de Manuel Rivas, coa que a compañía celebra as súas catro décadas sobre os escenarios. O domingo 10, Redrum Teatro traerá a Neda “Contos do recreo”. Nesta ocasión, e centrado nun público máis infantil, dará comezo ás 18,30 h. Un espectáculo optimista coa música en directo como protagonista e o acoso escolar no centro do discurso. Cos mesmos destinatarios, o programa Ler Conta Moito trae ao municipio o contacontos de Bandullo Azul. Será o 15 de outubro a partir das 18,30 h.
E pechando o mes, outro espectáculo de nivel, finalista nos Premios María Casares na categoría de espectáculo infantil: “Cartoons”, de Producións Teatrais Excéntricas, o 24 de outubro ás 18,30 h.
SOBRE AS OBRAS
“Bernarda” é unha historia próxima, comprensible e universal. Aborda o choque xeneracional entre pais e fillos, amosando realidades diversas en función do lado no que nos situemos. Como fillos, tentando rachar coas normas que nos impoñen e, como pais, na obriga de impoñelas polo seu ben. Así, atoparémonos esceas duras e tensas e outras alegres e divertidas, como a vida mesma.
“A lingua das bolboretas” amosa a través da entrañable relación dun mestre e dun neno a historia da fascinación infantil ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas. O proceso de aprendizaxe que emprende o rapaz da man do mestre da escola é testemuña tamén da traxedia que supón vivir con medo e do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.
“Contos do recreo” é un espectáculo optimista e emocionante que traballa o concepto de reforzo positivo para previr o acoso escolar. A música en directo é a protagonista desta coidada produción que combina monicreques, impresionantes efectos de iluminación e unha colosal escenografía con vídeo-mapping para desfrute de nenos e maiores. A obra estivo nomeada na categoría de Mellor espectáculo infantil nos Premios de Teatro María Casares.
Bandullo Azul propón unha viaxe a través dos contos tradicionais e o repertorio infantil de Carlos Casares. Na mesma, estará acompañado da súa amiga Filipa (moneco “muppet”), nun percorrido amenizado con música e canción en directo (guitarra e voz).
“Cartoons” é o primeiro espectáculo da compañía dirixido a un público infantil. Protagonizada por Josito Porto e Víctor Mosqueira, tamén director da obra, a función abordará a realidade e actualidade dende unha perspectiva diferente á que coñecemos a través dos medios. Un espectáculo de clowns que se convirte nun eficaz vehículo de valores como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social ou a autosuficiencia.