Mércores, Decembro 4

A restauración do firme das vías principais do casco histórico de Neda obriga a cortar dende o luns a rúa Paraíso

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda informa do arranque a próxima semana das obras de restauración do firme das rúas Paraíso e Real. Unha intervención destinada a poñer a punto as principais vías do casco histórico, moi transitadas pola veciñanza e punto de paso obrigado dos peregrinos. Dende o próximo luns cortarase o acceso rodado á primeira delas.

Tal e como apunta o sinalan os carteis, a intervención realizarase por tramos. E así, dende o día 8 de xaneiro quedará cortada a circulación e prohibido o estacionamento na rúa Paraíso, ata a finalización dos traballos nese treito.

As obras contempladas no proxecto consisten na reparación dun total de 40 puntos destas dúas céntricas rúas, pavimentadas con lousas de granito, que presentan deficiencias. Así, procederase á substitución das baldosas rotas e darase solución ás zonas afundidas como consecuencia do paso de camións, ademais de levar a cabo o levantado e nivelación do pozos e arquetas de rexistro.

As actuacións permitirán reducir o risco de tropezos e caídas, mellorando a seguridade do conxunto dos viandantes, tanto veciños como os milleiros de peregrinos que pasan anualmente polo Camiño Inglés; ademais de optimizarse a accesibilidade.

A firma Conscyc 2020 SL será a encargada de realizar o proxecto, no que se investirán máis de 42.000 euros, e que está cofinanciado polo Concello de Neda e pola Axencia de Turismo de Galicia, no marco das subvencións de Embelecemento do Litoral.

Dende o Concello prégase colaboración á veciñanza e pídense desculpas anticipadas polas molestias derivadas destas obras, que suporán unha completa restauración das rúas Paraíso e Real.

Share.

Comments are closed.