No marco do programa “Máis que un teito”, promovido polos concellos de Fene, Mugardos e Neda, arranca o vindeiro luns “Acompañar no reto de educar”. Trátase dun ciclo de charlas destinado ás familias con fillos/as dos tres municipios, que ten, entre outros obxectivos, sensibilizar e mellorar a prevención das condutas adictivas da mocidade. Está aberto o prazo de inscrición.
A proposta vén a complementar os obradoiros que se ofertan ao alumnado nos centros de ensino e consta de seis charlas participativas, nas que se resolverán as dúbidas formuladas polos pais e nais de rapaces/as dos tres municipios, buscando reforzar a información que teñen as familias a nivel emocional e facilitando pautas de actuación destinadas a detectar condutas de risco.![]()
O ciclo terá lugar os luns de novembro e decembro, a partir das 18 horas na Casa da Cultura de Fene, e arrancará coa o día 13 coa sesión “As crianzas medran, e agora que? “. Nela abordaranse as preocupacións e retos que conlevan as diferentes etapas da crianza, e se ofrecerán pautas para o acompañamento (límites, afectos, autonomía…) “ Comunícaste en positivo? Pásate ao bo trato!”(día 20) e “Familias sobreprotectoras, menores fráxiles” (27) completan a lista de charlas de novembro.
Decembro arrincará coa sesión “Convivir coas emocións” (o día 4). Continuará cunha entrega sobre “Adicción aos videoxogos” (día 11), destinada a país e nais con fillos/as a partir de terceiro de primaria. E finalizará coa charla “Menores e pornografía” (día 18) , na que se aportará información sobre as redes sociais que utilizan os adolescentes e as condutas arriscadas e ilegais.
As familias nedenses poden inscribirse naqueles obradoiros que sexan do seu interese, enviando a ficha de inscrición ao correo electrónico servizos.sociais@fene.gal. Para obter máis información, sobre “Acompañar no reto de educar” poden dirixirse ao servizo de educación familiar de Neda (teléfono 981390233) ou ben aos Servizos Sociais de Fene (981492706/ 981342607) encargados da coordinación do proxecto intermunicipal, que subvenciona a Consellería de Sanidade.