Tralo seu arranque no CEIP de Maciñeira, o programa Saúde e Escola continuaba esta semana no IES Fernando Esquío. Ata alí se desprazaban onte pola mañá os técnicos de Asotrame para falar aos rapaces e rapazas de Secundaria da doazón de médula ósea. Unha charla informativa e de concienciación na que se abordaron dun xeito participativo as experiencias polas que pasa un paciente hematolóxico, fomentando así o coñecemento, a empatía e a solidariedade. Así mesmo, a xornada levarase a cabo no CEIP San Isidro no segundo trimestre de curso.
Deste xeito, o Concello de Neda promove a través de Saúde e Escola unha serie de charlas dirixidas ao alumnado de Primaria e Secundaria coas que, da man das asociacións sociosanitarias, ofrecer información e sensibilizar, así como fomentar hábitos de vida saudables.