O programa municipal “Miúdo Verán” continúa este xoves cunha nova proposta para toda a familia. A partir das 20 horas, en Albarón, o Mago Teto presentaranos un dos seus últimos espectáculos, “Alquimia”.
Nesta nova aventura, o Mago Teto, tras varios anos estudando, experimentando e intentando descifrar a estraña simboloxía dos libros sobre alquimia, busca a pedra filosofal; non para conseguir a riqueza e a vida eterna, senón a alquimia que está dirixida ao corazón: a felicidade! A felicidade do público e a do propio mago, para así lograr a súa propia “Grande Obra”. A auga, a terra, o lume e o aire farán posible esta nova andanza do Mago Teto!
O programa, que impulsa o Concello, conta co patrocinio de Cultura No Camiño, do proxecto Ler Conta Moito e da Rede Cultural da Deputación.