Mércores, Decembro 4

O Pleno do Concello acorda solicitar novamente á Xunta a construción dunha rotonda en Xubia

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Pleno do Concello de Neda acordou hoxe solicitar á Xunta de Galicia que reordene a intersección entre a AC-862 e máis a AC-115, na zona de Xubia. A moción, aprobada a instancia dos populares, supón un respaldo á petición do goberno local de que se constrúa unha rotonda para eliminar os semáforos actuais para mellorar a fluidez do tráfico nesta área.

Segundo recolle o texto, que contou co apoio do edil do PP presente na sesión e dos seis concelleiros do PSOE, a intersección constitúe un “punto especialmente problemático” da rede viaria local, por canto posibilita ata seis posibles alternativas de dirección. Uns cruzamentos imposibles nos momentos puntuais nos que os actuais semáforos non funcionan.

Defende a alternativa de dotar á zona dunha rotonda fronte á actual regulación “baseada en sinais e semáforos”, pois reforzaría as condicións obxectivas de seguridade en dúas vías fundamentais para as comunicacións do municipio e do resto da comarca.

O alcalde Ángel Alvariño lembrou que o goberno municipal xa trasladou no seu día esta demanda aos responsables de Carreteras e foi obxecto ademais dunha das emendas presentadas polos socialistas aos últimos orzamentos da Xunta de Galicia. Na actualidade, moitos veciños, co obxecto de evitar o cruce semafórico, desvíanse polo camiño de Carreiro ou pola rúa Xerardo Luaces, contribuíndo a aumentar o tráfico na zona do centro de saúde.

Segundo o aprobado, o Concello trasladará formalmente á Xunta o seu interese porque se constrúa esa rotonda na confluencia entre as dúas estradas autonómicas que pasan por Neda, “solicitando que dita actuación se incorpore aos documentos de planificación cos que traballa a Administración autonómica”, co fin de que se contemple a súa dotación orzamentaria e a súa execución. BNG e Moveneda abstivéronse, aludindo a que son os técnicos os que deberán aportar as solucións.

Na sesión plenaria, levada a cabo ao mediodía na Casa da Cultura, tamén saíron adiante unha moción dos nacionalistas demandando ao goberno galego accións para paliar as consecuencias da “marea plástica” nas costas galegas, e outra de Moveneda relativa á defensa do alto ao fogo inmediato en Palestina.

Share.

Comments are closed.