O Concello de Neda daba luz verde inicial esta mañá ao orzamento municipal do 2024, que ascende en gastos e ingresos a algo máis de cinco millóns de euros. Trátase dunhas contas que destacan polo forte investimento en política social (áreas de benestar, conciliación, educación, cultura e sanidade), que absorbe ao redor do 36% do gasto municipal. As previsións garanten todos os programas e liñas de axudas ofertados na actualidade, e permiten facer fronte á suba de prezos dos distintos servizos, mantendo conxeladas as taxas e os impostos.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, foi o encargado de presentar o documento orzamentario, con gastos e ingresos por importe de 5.044.527 euros. Isto supón un incremento de ao redor dun 5,10% respecto ao último orzamento aprobado (exercicio 2022). A suba de ingresos responde a cuestións como a finalización do período de bonificación do IBI, que desfrutou a concesionaria da AP-9.
O rexedor municipal subliñaba na sesión extraordinaria do pleno o feito de que un de cada cinco euros do orzamento destinarase a manter o servizo de axuda no fogar, clave na atencións aos dependentes e persoas maiores. O programa, cofinanciado por Xunta e Deputación, suporá uns 1.064.000 euros. Poñía en valor ademais a aposta por servizos de conciliación como o da escola infantil que conleva un investimento anual que rolda os 185.000 euros (a Xunta aporta uns 40.000).
No capítulo de inversións, contémplanse as partidas para cofinanciar as obras incluídas no POS+ 2024 (substitución de varandas do Poulo, acondicionamento do camiño entre Forxá e Castiñeiro, melloras na Casa da Cultura…), e máis para o plan de mellora de camiños municipais 2024-2025.
As contas saíron adiante coa maioría absoluta do goberno local. A oposición votaba en contra, criticando BNG e Moveneda que se tratan duns orzamentos “continuístas” que, opinan, non responden ás necesidades do municipio.
Modificacións de crédito
Na mesma sesión se aprobaban varias modificacións de crédito, financiadas con cargo ao remanente líquido de tesourería. que permitirán reforzar, unha vez que estea aprobado o orzamento, as partidas de gasto en algo máis de medio millón de euros.
A utilización destes fondos permitirá afrontar, entre outras cuestións, os gastos xerais inaprazables como os derivados da redacción do proxecto de construción da nova ponte en Subarreiros; a elaboración da cartografía requirida para o PXOM, o remate do plan director de saneamento municipal, así como o levantamento topográfico da rede de saneamento e auga de cara a súa licitación.
Ademais reforzaranse partidas como as destinadas a mellorar a seguridade viaria, o reforzo e mantemento do alumeado público e o abastecemento de auga. Tamén destaca a reserva de fondos para a compra da nave do peirao do Puntal.