O pavillón municipal Ale de Paz converterase outra tempada máis en sede da Liga Social de fútbol sala de Ferrol. Un total de oito equipos participarán desta volta na competición sénior, que arranca esta fin de semana, e que se prolongará ata o mes de abril. En total, 14 xornadas de xogo.
Cada sábado pola tarde, o polideportivo do Concello de Neda será escenario dos partidos desta liga regular, organizada pola delegación en Ferrol da Real Federación Galega de Fútbol. E así, as persoas afeccionadas ao fútbol do municipio e do resto da comarca terán a oportunidade de desfrutar semanalmente dun total de catro enfrontamentos consecutivos.
Na primeira xornada, Nuevo Minuetto, equipo campión das últimas tempadas, xogará fronte ao Caranza Fútbol Sala, a partir das 17 horas. O Estrella del Muelle enfrontarase deseguido ao DP Abogados. O terceiro partido (19 h) disputarano o F.S. Santa Mariña do Monte e o Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene F.S.. E por último, ás 20 horas, o SCD Roxal buscará a vitoria fronte ao Club deportivo Concello de Monfero (novo na liga).
A administración local e a Real Federación rubricaban por primeira vez hai tres anos un acordo para facer da localidade o centro desta competición na comarca. Rematada a liga regular, está previsto a celebración da Copa Social Concello de Neda, que estirará a competición ata finais de maio.