Mércores, Febreiro 21

O neosoul de Udra protagoniza este domingo o concerto en Neda do festival Jazz de Ría

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A terceira xornada do festival Jazz de Ría, que promoven os concellos de Neda, Narón, Valdoviño e Cedeira, pasa por Neda. Este domingo ao mediodía, a Ribeira de San Nicolás, será o marabilloso pano de fondo para o neosoul en galego da banda Udra, premiada na última edición dos premios Martín Códax da Música.

O concerto, programado para as 13 horas, permitirá ao público descubrir o traballo deste trío, que naceu no 2020 na procura dunha sonoridade que vai do jazz ao soul e o funk. Dende entón, tal e como explican dende o festival, as súas composicións foron evolucionando, introducindo elementos do rock progresivo, a electrónica e a world music, chegando a crear unha linguaxe propia enmarcada no neosoul e en galego.

Máis festival

A banda chega a Neda co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña. E o concerto, como o resto das actividades de Jazz de Ría, é gratuíto e de acceso libre. O festival continuará pola tarde en terras de Cedeira, coa ruta do Sarridal e co concerto nocturno no parque de San Isidro, de Xosé Miguélez & Jean-Michel Pilc Quartet, e despedirase o luns en Valdoviño co “Roteiro dos balcóns ao Atlántico” e o espectáculo de Nastasia Zürcher.

Share.

Comments are closed.