Mañá será unha xornada intensa na beira norte da ría de Ferrol. O jazz non deixará de sonar nos concellos de Neda e Narón, que este ano son os anfitrións deste festival que é xa un clásico do mes de agosto despois de cinco edicións facendo da comarca un referente da escena jazz, e ofrecendo ocasións únicas para desfrutar das mellores propostas da escena actual.
Bailar na Ribeira de San Nicolás
O día comezará a ritmo de ‘gypsy swing’ na sesión vermú programada na Ribeira de San Nicolás de Neda, onde a banda ALÓ DJANGO ofrecerá a sesión máis bailable de todo o festival, e farao precisamente no lugar onde outrora existiu –acasos da vida- un salón de baile que entre finais do XIX e comezos do XX reuniu ás mozas e mozos da comarca, e foi testemuña de infinitas historias que a organización do festival está tentando rescatar coa colaboración da veciñanza. Mañá, as contaxiosas melodías do jazz cigano de Aló Django serán unha fermosa homenaxe ao pasado dese lugar a partir das 13 h.
Programa dobre en Narón pola noite
No Parque de Freixeiro de Narón recibirán a LUCÍA REY TRÍO, un dos proxectos máis interesantes do jazz estatal neste momento. Lucía Rey é de condición exploradora sen prexuízos, por iso, pese á súa formación como pianista e compositora clásica no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, acabou achegándose ao jazz, que lle permitía experimentar e crear dun xeito máis libre. Pasou por Cuba e por Nova Iorque, onde compartiu escenario con numerosos artistas da escena neoiorquina. Ten traballado en proxectos moi diversos, abrazando o flamenco, os musicais, a danza… Pero sobre todo, vibra co seu proxecto LUCÍA REY TRÍO, unha proposta única e transparente que está golpeando con forza o panorama jazzístico estatal. A Narón chegará acompañada de Fernando Lamas na batería e Ander García no contrabaixo, para ofrecernos un repertorio de temas do seu álbum Reflexión (2017), inspirados en experiencias vitais da banda, en lugares aos que teñen viaxado e que recollen todas as súas influencias musicais. Pero tamén incluirán algunhas cancións inéditas que formarán parte do seu próximo álbum.
E a continuación, o peche do festival vai correr por conta dun dos ferroláns máis recoñecidos na escena jazz; BALDO MARTÍNEZ presentará no Parque de Freixeiro de Narón en rigorosa estrea un espectáculo armado coa complicidade dos impresionantes músicos galegos do CUARTETO DA TERRA: Pablo Castanho ao saxo alto e soprano, Antonio Bravo na guitarra, LAR Legido na batería e o propio Baldo no contrabaixo. Despois de 40 anos de traxectoria profesional, de ter fundado Clunia e outros proxectos imprescindibles para entender o jazz no noso país, e de atesourar ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, Baldo Martínez, é hoxe un dos músicos máis representativos do jazz contemporáneo estatal, e chega ao Jazz de Ría con unha proposta difícil de contar que el describe como unha ‘experiencia única’.
As entradas para acudir ao festival son gratuítas ata completar aforo. A organización recomenda chegar con antelación, seguir as indicacións do persoal, non quitar a máscara en ningún momento, reducir todo o posible o contacto coas demais persoas asistentes, e non acudir en caso de ter estado en contacto con algún positivo.