O Jazz de Ría propón este domingo unha sesión vermú no xa tradicional emprazamento da Ribeira de San Nicolás en Neda, que nesta ocasión será o pano de fondo para a máxica voz de Antía Muíño, quen se converteu nunha das revelacións da nova canción galega cando só contaba cun par de sinxelos publicados. “Carta Aberta”, o seu álbum debut editado por Raso, ten case dous millóns de reproducións e ela foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo en rotación nas marquesinas de Times Square (Nova York) a finais de 2022.
O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, cunha proposta que viaxa con fluidez por todos estes estilos. Na súa aínda curta carreira, actuou en festivais tan diversos como o Jazzaldia (Donosti), Veranos de la Villa (Madrid) ou Os Xoves de Códax (Cambados), entre moitos outros, e colaborou con artistas como Xabier Díaz, Baiuca ou Las Migas. Ven de percorrer escenarios de toda España e Portugal e de rematar a súa primeira xira por Marrocos, cunha grande acollida. A Neda chegará acompañada da súa guitarra clásica, e arroupada por Miguel Arribas ao saxo e o teclado, Ton Risco nas percusións e Yudit Almeida no contrabaixo.
Iso si, en caso de choiva, o concerto trasladarase á Casa da Cultura de Neda.
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, da Xunta de Galicia a través de Cultura no Camiño, da AIE (Sociedad de Artistas, intérpretes o Ejecutantes de España), e Ecoembes.