O Jazz de Ría rescata a memoria musical da comarca nun paseo sonoro por San Nicolás

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Ademais de contar cun dos carteis máis audaces do panorama galego dos festivais de jazz e de escenarios naturais espectaculares, o Jazz de Ría preocúpase en cada edición por poñer en valor o patrimonio do territorio e facelo dialogar coa música, que é o motor que leva movendo a súa maquinaria ao longo destes nove anos.

Nesta ocasión, o festival pon o foco no patrimonio inmaterial, en concreto na memoria musical da comarca de Ferrolterra, para rescatar auténticas alfaias sonoras que encheron as festas, xuntanzas e celebracións das décadas dos 50, 60 e 70 e que hoxe conseguen retrotraernos a unha época na que esta comarca conseguiu poñer a Galicia no mapa musical estatal a través de grandes hits como O tren, de Andrés do Barro, o músico que levou o pop en galego ao número un de vendas en España, e onde tamén tiñan cabida moitas outras formacións musicais e orquestras de jazz.

Como nace a a proposta

A directora do festival, Aitana Cuétara, conta que a idea deste paseo sonoro ten a súa orixe nunha fermosa coincidencia acontecida no ano 2021, cando o festival desembarcou por primeira vez en Neda para instalar un dos seus escenarios na Ribeira de San Nicolás: “O día que chegamos á Ribeira de San Nicolás – relata Aitana- unha veciña contounos que alí, xusto no lugar ao que queríamos levar o Jazz de Ría, houbera noutros tempos un salón de baile. Tirando do fío, soubemos que o Salón da Ribeira, activo entre finais do século XIX e principios do XX, era propiedade de Elisa Rey Prieto-Inclán e José Yáñez. A súa filla, a Señora Esperanza, faleceu sen descendencia, deixando a lembranza das súas vivencias só a algunhas veciñas”.  Carmen, Rosa, Beatriz, Pachú e as súas familias abriron as súas casas e compartiron xenerosamente co festival os seus recordos para que esta memoria do Salón da Ribeira quedase rexistrada nunha pequena peza documental. Desde ese día -explica a directora do Jazz de Ría- a historia do salón e das vellas orquestras de jazz, quedaron para sempre no imaxinario do festival.

Imaxinar o Salón da Ribeira funcionando nos anos 50

Aitana Cuétara decidiuse nesta edición a conectar a historia do salón coas actividades do festival, creando un percorrido musical en San Nicolás, Neda, para o que contou coa colaboración do xornalista e crítico musical ferrolán, Fernando Fernández Rego, na selección dos temas. Para poñelo en marcha, traballaron sobre o seguinte suposto: Como sería o baile na Ribeira se o antigo salón continuase aberto ata os anos 70? Seguramente tocarían alí Los Zares, Los Sprinters, Los Players, Los Zafiros e tantas outras formacións que agromaron desde os anos 50 en Ferrolterra e que soaban nos bailes xunto aos míticos temas de Andrés do Barro e posteriormente tamén as composicións de María Manuela, Pilarín Fajardo ou Xoán Rubia, ligado ao movemento Voces Ceibes.

O público poderá escoitar estas gravacións participando no paseo guiado por Fernando Fernández Rego o domingo 17 ás 11:30h., xusto antes do concerto de  Trilitrate na Ribeira; ou descubrilo camiñando polo barrio mariñeiro de San Nicolás e escaneando os códigos QR que estarán dispoñibles para escoita libre ao longo da rúa do Castro do 15 ao 31 de agosto. Recoméndase levar auriculares.

Un programa de música e liberdade

A esta cita únese un bo feixe de actividades e concertos que do 15 ao 19 de agosto converterán a costa ártabra nunha cita obrigada para amantes das experiencias musicais en contornas únicas: unha visita musicada que unirá jazz de patrimonio industrial no Centro de interpretación dos muíños industriais de Xuvia; un vermú swing; un obradoiro de construción de instrumentos con materiais de reciclaxe, un taller de podcast colaborativo guiado polo espazo musical Abrete de orellas e un roteiro a través das paisaxes acantiladas dos Balcóns ao Atlántico con Xurxo Souto como narrador de memorias musicais da comarca completan un programa que contará con escenarios en Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño onde o público terá a oportunidade de adentrarse nas descubertas musicais de Alba Armegou, Diego Alonso 5tet Nihil, Trilitrate ou Copos de Avena e de ver actuar a artistas consagrados como Perico Sambeat, Sumrrá, o Coro da Ra ou Xan Campos presentando por primeira vez temas cantados para os que conta coa voz de Faia Díaz

O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).

Share.

Comments are closed.