Ante a publicación no BOE de 15 de xuño de 2021, onde se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa do Parque Eólico Caaveiro, tras o estudo do proxecto e da información recabada nas dúas charlas informativas levadas a cabo nos pasados días para toda a veciñanza por parte de expertos na materia, o goberno municipal de Neda amosa a súa máis frontal oposición ao proxecto que se somete a autorización.
Tras manifestar xa nas charlas realizadas que o goberno municipal faría as correspondentes alegacións, entendemos que é necesario un cambio de modelo enerxético, que debe procederse á implantación de modelos de enerxía renovable, da mesma maneira que entendemos que de ningunha maneira pode permitirse a implantación no noso concello dun parque eólico que non sexa de maneira ordenada, que non sexa respectuoso co noso territorio, co noso patrimonio cultural, arqueolóxico, paisaxístico, hidrolóxico e medio ambiental, e por suposto cos sectores económicos do noso rural, pero de maneira moi especial non pode permitirse a implantación dun parque eólico que non sexa respectuoso cos lexítimos dereitos adquiridos dos nosos veciños e veciñas. E entendemos que este proxecto non os respecta, de modo que a todos nos cómpre a súa defensa e moi especialmente ao concello.
En modo algún pode admitirse un proxecto que se fundamenta nun fraude de lei, tramitando como parques eólicos individuais o que na realidade é un parque único, o que é un feito patente e indubidable, porque facendo a tramitación como parques individuais o que se pretende bordeando á legalidade non é senón ocultar o impacto medio ambiental real, e facilitar polo tanto a tramitación do proxecto. Proxecto que ademais pretende implantarse fóra das zonas de desenvolvemento eólico, e con evidente vulneración da normativa estatal e autonómica. Por todo isto, e demais motivos que especifica e detalladamente serán expostos nas correspondentes alegacións que serán presentadas, O GOBERNO MUNICIPAL FORMULA O SEU NON MÁIS ROTUNDO ao proxecto.
O goberno municipal, que xa informou da súa decisión de formular alegacións, como non pode ser doutra maneira e co fin de facilitar o trámite a aqueles/as veciños/as que así o desexen, facilitará que se adhiran ás alegacións municipais simplemente aportando o seu DNI e plasmando a súa firma no documento de alegacións, xunto co seu nome, apelidos e enderezo. As alegacións están en trámite de elaboración por expertos na materia, e o próximo luns anunciaremos os días nos que a veciñanza poderá informarse por persoal xurídico especializado, podendo examinar as alegacións do concello, que por suposto se farán públicas no mesmo momento en que estéea rematadas e neses días poderán adherirse ás mesmas.
Dende o goberno municipal animamos á veciñanza a amosar o seu desacordo co proxecto e a acudir a informarse nas datas que anunciaremos o vindeiro luns, así como a adherirse ás alegacións, que serán un NON ao proxecto e un si ás enerxías renovables, pero con respecto ao noso patrimonio, aos dereitos lexítimos da veciñanza. PARQUE EÓLICO CAAVEIRO, NON.