O Festival Internacional de Entes Animados regresa á comarca cun cartel de luxo que esta mañá presentaba no Teatro Jofre o director artístico do certame, Plamen Dipchikov, e representantes dos concellos participantes: Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Neda, Sada e Valdoviño. O festival, que alcanza neste 2022 a súa cuarta edición, incluirá un total de 20 espectáculos, todos de balde, entre o venres 23 e o domingo 25 de setembro. Súmanse ademais Ferrol e Miño á programación, que protagonizan compañías nacionais, así como procedentes doutros países como Portugal, Dinamarca, Italia ou Francia.
Así mesmo, o certame incluirá un obradoiro de iniciación no teatro de títeres, dirixido a nenos e nenas e pais e nais. A cargo de Irene Vecchia, celebrarase o domingo no centro cívico de Canido, con prazas limitadas e inscrición previa por orde de entrada vía whatsapp -658 64 69 53-.
Programación en Neda
No acto de presentación celebrado esta mañá, a concelleira de Cultura, Verónica Vigo, destacaba a calidade da programación e a participación de Neda, un dos impulsores do certame nos seus inicios. Así, as propostas que se desenvolverán na Casa da Cultura de Neda terán lugar o sábado e o domingo. Na primeira xornada, a compañía danesa Alex Marionnettes ofrecerá a partir das 18:30 horas o seu espectáculo Mr. Barty Puppet Show, namentras que o domingo será o turno da compañía Irene Vecchia Buratini, de Italia, que traerá a partir das 13:00 horas a función titulada A Lúa e Pulchinella. Nun e noutro caso, e ó tratarse de aforo limitado, a cidadanía deberá retirar os seus convites na casa da cultura, ata o venres, de 9 a 14 e de 16 a 20 horas.