O escritor Vicente Araguas presenta este mércores na Casa das Palmeiras de Neda o seu libro de relatos “O lugar onde vou”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O escritor nedense e Fillo Predilecto, Vicente Araguas, presentará na súa vila natal o seu último libro de relatos, “O lugar onde vou”, editado por Galaxia. Será este mércores 28 de decembro, a partir das 19:30 horas, na Casa das Palmeiras. No acto, con entrada aberta ao público en xeral, o autor estará acompañado do profesor Eduardo Fra, e ao remate do mesmo, asinará exemplares da súa obra.

Araguas aborda no seu libro a peculiaridade de presentar variantes sobre unha realidade posible e outra máis que improbable. Desta maneira, fala de medo, e de bares onde, ao non pasar nada, pasa de todo, de casas grandes que ven, sen poder facer nada, como as mulleres se descolgan dos cadros, de parellas dispares en idade que falan de raíñas consumidoras compulsivas de arroz con leite.

Araguas bota a andar unha pluma que ten cousas de corazón tan desbocado como o dos cómplices dunha editora “indie” desbordados pola chea de libros de poemas que reciben, ou da estatua inca que vinga o seu posuidor dos arrebatos celosos da súa amada; hai gatos que falan e cans que bolen na neve e mancos que escriben con idéntica pericia á do Caldeireiro, urbanista anglófilo na Nebia de 1866.

Un festival de maneiras de querer, de ir mirando como a vida acontece, de realismos extracorpóreos e de corpos que liscan alén da realidade, o deste libro de relatos, que fai debutar o autor en Editorial Galaxia.

Share.

Comments are closed.